Obradoiro de linguaxe e redacción xurídica para o alumnado do Grao de Dereito

As persoas tituladas en Dereito deben coñecer a súa linguaxe de especialidade tanto en castelán como en galego para poderen cumprir no seu futuro profesional coas obrigas lingüísticas marcadas pola lei: atención aos dereitos lingüísticos dos cidadáns e cidadás, uso do galego como lingua da Administración...

O «Obradoiro de linguaxe e redacción xurídica I», que está organizado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Dereito, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística da USC, busca darlles formación específica aos estudantes de Dereito verbo deste tecnolecto en galego, ligándoa cos procesos de modernización e democratización que se están implementando na Administración pública e na Xustiza. Os seus obxectivos específicos son:

  • Familiarizarse coas peculiaridades morfolóxicas e sintácticas do galego xurídico.
  • Dominar a terminoloxía básica do dereito en galego.
  • Profundar no proceso de modernización estilística da linguaxe xurídica.
  • Asentar un modelo de linguaxe xurídica galega de calidade.
  • Coñecer os diversos tipos de documentos, modernizados.
  • Coñecer criterios da aplicación de recursos ortotipográficos.

Os estudantes de Dereito poderán matricularse no Obradoiro de linguaxe e redacción xurídica I ata o día 14 de febreiro, de xeito gratuíto.

Terá lugar os días 19-20, 26-27 de febreiro, 4-5 e 11 de marzo, en horario de 18 a 21 horas, na Aula 17 da Facultade de Dereito. Será impartido por Martín Ramos Ínsua, do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela.

O curso computa 1 ECTS para o alumnado do grao de Dereito, por recoñecemento de competencias transversais (lingua galega). Ademais, ás persoas que asistan con regularidade outorgaráselles un diploma de asistencia por 30 horas (20 horas presenciais mais 10 horas de traballo individual).

Xoves, 30 de xaneiro de 2020